O 27 de marzo do 2013 naceu o meu irmán Diego. Agora vouvos contar un pouco cómo pasou todo. Souben que a miña nai (Susi) estaba embarazada o 9 de agosto de 2012, dous días despois de que se enteraran ela e máis Martín. Cando me deron a noticia emocioneime e púxenme moi contenta, porque sempre desexara ter un irmán ou unha irmá. A miña nai sempre me dicía que non ía poder ser por varios motivos, pero ó final sucedeu.
Co paso dos meses, á miña nai comezou a medrarlle a barriga e pronto vimos as imaxes das ecografías, dende a primeira de setembro ata unha en 3D de xaneiro na que xa lle puidemos ver con detalle a cara e a piroliña.
En febreiro chegaron as contracións, que obrigaron á miña nai a parar de traballar. E aínda que en principio non tocaba ata abril, na terceira semana de marzo houbo que ingresar no hospital. Alí, apurando o tempo antes do parto, entre a miña tía Patri e eu pintámoslle unha cara na barriga, como xa se fixera anos antes coas barrigas que nos levaban a min e ó meu primo Mario.
Finalmente programaron unha cesárea para o mércores 27, antes dos festivos da semana santa. Diego naceu sen complicacións ás 10.20 da mañá, e todos fomos a miralo con alegría. Para min foi un acontecemento xenial, que case non podía crer.
Á volta das vacacións, conteilles a boa nova ós meus compañeiros da clase de 5º, e a profe Ana tivo unha grande idea: que cada un lle fixera a Diego un debuxo dándolle a benvida, xunto coas felicitacións para min, para a miña nai e para Martín. Foi un regalo emocionante para todos nós, un detalle xenial polo que vos estamos moi agradecidos.
E aquí estamos, desfrutando de cada día entre choros, sonecas e cambios de pañal.



