23 mar 2014

Visita ao observatorio

O venres día 7 de marzo fomos visitar a  Asociación Astronómica Sirio de Cotobade (Pontevedra).

Saímos de Cangas ás cinco da tarde e chegamos ao observatorio antes do previsto, así que tivemos un intre para xogar e explorar a zona. Media hora máis tarde, chegou Severino, un dos astrónomos, e sacounos unha foto a todos xuntos.


Mentres non escurecía estivemos falando, e chegaron o outro astrónomo e o profe Xose. Cando xa se fixo de noite, dividímonos en dous grupos: o primeiro foi á parte de arriba con Severino a ver polo grande telescopio, e o outro quedou abaixo, vendo as constelacións coa axuda do outro astrónomo.


Polo telescopio puidemos ver a Lúa, o planeta Xúpiter e catro das súas lúas (Ganímedes , Calixto, Ío e Europa), a nebulosa de Orión e por último un cúmulo aberto de estrelas. A simple vista estivemos sinalando cun punteiro láser as constelacións e as estrelas, entre elas as Pléiades, Canis Maior, que como ollo ten a estrela Sirio,a máis brilante do ceo e que dá nome ao observatorio.


Ao final, entre todos, démoslles aos  astrónomos os agasallos que lle tiñamos preparados, e eles, déronnos a cada un de nós un adhesivo do observatorio.


Foi unha experiencia única e divertida, e ademais aprendemos moitísimas cousas moi interesantes.













20 mar 2014

Luces, cámara, Massó!!

Este martes día 18 de marzo comezamos a rodaxe. Dividímonos por grupos para filmar mañá e tarde durante 3 días.

O primeiro día gravamos polo exterior da fábrica e tamén na baleeira. O segundo día entramos na nave principal e a experiencia foi impactante porque é inmensamente grande!!!! Aínda que hai moito "lixo" que debería ser retirado, atopamos reliquias da fábrica, dignas dun museo: osos de baleas, caixas rexistradoras, latas de conserva, maquinaria, reloxos, ánforas onde se gardaba o aceite, básculas, unha grande áncora...

Tamén gozamos aprendendo a manexar o equipo de rodaxe, pasando todos os nenos polos distintos postos: director/a, cámara, sonidista, cablista, script e fotógrafo/a. Tivemos a oportunidade de decidir os planos libremente, en función dos nosos intereses, sendo aconsellados polo cineasta. 

Gravamos a persoas vinculadas con Massó falándonos da fábrica. Hoxe imos ter o privilexio de conversar coa asistenta social,  Ana María Soto Landeira, de 92 anos, para contarnos a súa experiencia. 

Somos moi afortunados/as de poder participar neste proxecto de cine que é unha experiencia inesquecible. 




Aquí vos deixamos o enlace á nova onde se fala do inicio da rodaxe. 

17 mar 2014

Expoñemos ó alcalde o proxecto "Cine en curso"



O venres 14 de marzo fomos ó concello para explicarlle ó alcalde de Cangas, José Enrique Sotelo, o noso proxecto de rodar un documental sobre a fábrica de Massó. Tamén para pedirlle uns permisos. Isto é o que lle dixemos:


Somos os nenos/as de 6º do C.E.I.P. A Rúa e queriamos explicarlle o Proxecto “Cine en curso” no que estamos a participar.

A finalidade do mesmo é achegar ós alumnos/as de Galicia, Cataluña, Madrid e Arxentina ó mundo do cine, mediante a realización dunha curtametraxe documental sobre un espazo ou un oficio.

Nesta edición presentámonos co noso traballo “Cineando ilusións”,que foi seleccionado xunto con outros tres de toda Galicia.

Decidimos por consenso que o noso documental trataría sobre a fábrica de Massó, xa que foi moi importante para o pobo e forma parte da Historia de Cangas.

O primeiro paso que demos foi a documentación. Xuntámonos por grupos e buscamos en libros e na web toda a información posible sobre a fábrica.

Para saber máis, conversamos con familiares e coñecidos que estiveran vinculados a Massó. Tanto profesoras como alumnos/as estamos sendo asesorados polo C.G.A.I. (Centro Galego de Artes da Imaxe), en concreto por un cineasta profesional que nos está axudando na elaboración do guión, no manexo do equipo de rodaxe, na filmación e na montaxe do documental.

Agora temos que iniciar a rodaxe e necesitamos da súa autorización para grabar nos terreos de Massó. Posteriormente, gustaríanos proxectar o documental no auditorio municipal, coa súa colaboración.

Moitas grazas polo seu tempo e atención.